venres, 20 de abril de 2018

En busca das pistas


Para estimular a investigación máis a fondo das series retamos ao alumnado a un xogo de pistas ideado para 2 días, para atopar primeiro, o código para descrifrar as dúas series que lles tocaría investigar e en segundo lugar as fotos desas series.




Usando o plano do cole cada grupo tiña que atopar o papel da cor correspondente e unha vez atopado tentar descifrar as letras perdidas para compoñer os títulos das series.





Unha vez escritos os títulos, deixar o sobre  no buzón e agardar...para no seguinte día buscar as fotos noutro lugar diferente do cole.








Pasaron moi bo rato con este xogo, desde o momento en que recibiron as cartas-sobres nas aulas ata o final do xogo. Interpretaron moi ben o plano e axiña atoparon o que tiñan que atopar.








martes, 10 de abril de 2018

Que aprendo cos debuxos?






Na liña de seguir indagando o que aprendemos coas personaxes protagonistas continuamos co traballo das series escollidas utilizando os datos da táboa da enquisa de consumo e as ilustracións e palabras que reflicten a visión dos nenos destas 12 series que ven na TV. Así confeccionamos este mural do número de espectadores que cada serie ten.



Ademais aproveitamos o material do noso xogo de TV para colocar na parede xunto ao mural e ambientar o noso corredor exposto a que todos os que pasen por alí lean a información.





venres, 6 de abril de 2018

Revista Escolar Andaina


 Facemos unha páxina para a Revista Escolar Andaina do noso centro que se publicará en maio resumindo parte do traballado ata agora no abeiro do PLAN Galicons . Dado o tamaño reducido da páxina tentamos sintetizar ó máximo e seleccionar algunha das moitas fotos que tiñamos das actividades.

xoves, 5 de abril de 2018

Obradoiro Escola Galega De Consumo


Hoxe recibimos a visita de tres docentes da Escola Galega de Consumo para levar a cabo o Obradoiro: Traballando a Igualdade a través da Publicidade.

Distinguimos o que era un xoguete do que non o era e lembramos as formas que existen para anunciar un produto.

        Aprendemos a identificar elementos da linguaxe publicitaria, a recoñecer símbolos que nos axudan a entender o que imos consumir, e a comparar o que nos ofrecen nos anuncios co que obtemos unha vez mercados os produtos descubrindo que moitas veces nos enganan.
Logo elaboramos as nosas propias variñas máxicas con material escolar e de refugallo. Pasámolo moi ben creando xuntos.